A Dislexia é unha dificultade específica da aprendizaxe da lectura e da escritura en nenos e nenas con intelixencia, motivación e escolarización normais. Maniféstase con dificultades ao ler ou escribir, entre as que podemos observar investir sílabas, engadir letras, substitucións ou non facer as pausas adecuadas entre outras. Non sabemos a causa, pero os estudos indican que existe unha alteración no funcionamento de áreas do cerebro de base xenética.
A dislexia é o trastorno da aprendizaxe máis frecuente (5-15% da poboación) e afecta por igual a ambos os sexos.
Cando aprendemos a ler debemos converter os símbolos visuais en fonemas (roteiro fonolóxico) e para unha persoa disléxica este proceso ten unha gran dificultade. Realiza o proceso de decodificación con moito esforzo e lentitude, para poder despois comprender o significado. Unha vez automatizado este procedemento de decodificación fonolóxica pásase a identificar a representación gráfica de cada palabra, é o que chamamos roteiro léxico.
As persoas disléxicas a miúdo teñen dificultades no roteiro fonolóxico, o que lles impide desenvolver o roteiro léxico.
Podemos distinguir tres etapas que caracterizan a lectoescritura na dislexia tendo en conta que podemos non observar todas e tampouco na mesma intensidade:
- Educación Infantil e primeiros cursos de Educación Primaria:
- Leve atraso na adquisición da fala
- Confusión entre palabras de son similar
- Dificultade nas rimas
- Dificultade para manter a orde silábica en palabras polisílabas
- Trastornos na pronuncia
- Dificultade para aprender e utilizar (nomear) con facilidade o nome de cores, letras, números…
- Dificultade para asociar son con letra
- Dificultade para o deletreo e manexo mental de sons de palabras
- Lectura lenta, traballosa e forzada
- Dificultade maior para ler palabras pouco comúns ou sen sentido
- Comprensión lectora mellor preservada que a mecánica
- Escritura con grafismo pobre, ademais de inversións, substitucións, omisións, adicións… de letras e/ou sílabas
- Erros de ortografía natural
- Dificultade para memorizar secuencias verbais
- Aprendizaxes sen problemas cando non media a lectura e a escritura
- Últimos cursos de Educación Primaria e Secundaria
- Lectura lenta e pouco automatizada
- Dificultade para a aplicación de normas ortográficas aprendidas.
- Escritura deficiente (sintaxe e ortografía arbitraria)
- Pouco dominio das táboas de multiplicar
- Repercusión variable na comprensión lectora
- Adolescencia e idade adulta
- Lectura precisa e funcional, con pouca velocidade e escasa automatización
- Baixo dominio ortográfico
Estas manifestacións a miúdo mestúranse con outras de natureza afectiva que van depender do coñecemento que teña a contorna do neno/a e das súas dificultades, así como das axudas que reciba. Cando as dificultades se achacan á súa falta de interese ou pouco esforzo podemos observar:
- Rexeitamento cara ás tarefas relacionadas coa lectura
- Invención ou dedución de palabras
- Vergoña para ler en público
- Falta de tempo para terminar as tarefas escritas
- Baixos resultados en probas escritas en comparación co esforzo e os coñecementos
- Baixa autoestima
A intervención reeducativa debe ser precoz e céntrase en realizar unha instrución sistemática e directa da conciencia fonolóxica, correspondencia grafema-fonema, deletreo, lectura global, riqueza de vocabulario, práctica da lectura e a escritura, adestramento para adquirir fluidez e ofrecer experiencias lingüísticas enriquecedoras. Posteriormente traballaremos a redacción, a adquisición de vocabulario académico, ortografía e técnicas de estudo.
A dislexia pode coexistir con outros trastornos e convén diagnosticar e contemplar no tratamento todas as dificultades presentes.
Os trastornos que con maior frecuencia están asociados coa dislexia son o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), alteracións da linguaxe oral, dificultades no grafismo e/o no cálculo e problemas afectivos ou emocionais.
Fonte: Sans Fitó, Anna (2010) “Por qué me cuesta tanto aprender? Trastornos del aprendizaje. Edebé.
Silvia Barreiro Mariño
Psicopedagoga
no replies