lego-g065faefa9_1920

 

Coa proximidade do Nadal caeu nas miñas mans un artigo de  Rosabel Rodríguez, Doutora en Psicopedagoxía e Psicoloxía, no que fala sobre o xogo e explica que debemos ter en conta á hora de escoller un xoguete para o noso fillo/a. Pareceume moi interesante compartir algunhas reflexións das que expón e espero que vos sexan útiles para esta difícil toma de decisións: que xoguete é bo para o meu fillo/a? que características debe ter para que sexa adecuado?

Partimos da idea de que xogar facilita o desenvolvemento neurolóxico do/a neno/a e é unha actividade básica para o desenvolvemento de habilidades imprescindibles na etapa adulta. É unha actividade común a todos os mamíferos e sobre todo no ser humano.

O xogo ten infinidade de beneficios sempre que cumpra con dúas características: ser unha actividade voluntaria e resultar pracenteira para a persoa que a está realizando. Ademais débenos permitir explorar a través dos sentidos, do corpo ou a nivel cognitivo.

Xogar é imprescindible e non facelo pode traer consecuencias graves no desenvolvemento evolutivo, sobre todo no ámbito socio-afectivo. Entre outras cousas permite experimentar e dá a oportunidade de equivocarnos e de ir perfeccionando accións ata dominalo, fomenta a creatividade xa que está unido á parte simbólica, á fantasía e á imaxinación (non sempre xogamos da mesma maneira, cambiamos regras e axustamos a actividade ás necesidades do momento).

As actividades lúdicas son unha ponte para aprender estratexias de colaboración. Podemos xogar de xeito individual, pero tamén buscar a compañía doutras persoas podendo facer grupos e diferenciar entre competir e colaborar. Esta relación coa aprendizaxe podémola observar na escola, que utiliza o xogo para lograr obxectivos aproveitando a motivación intrínseca. O proceso é máis sinxelo, significativo e de maior calidade. Aprenden sen darse conta e o resultado é óptimo.

Podemos descubrir a través do xogo o noso potencial coñecendo que xogos se nos dan mellor (ámbito  lingüístico,  matemáticas, debuxo, teatro, deportes…). Isto permitiranos aproveitar este coñecemento para crear propostas e obxectivos que sigan potenciando estas fortalezas.

Os xoguetes foron posteriores ao xogo. Os bebés xa xogan coas súas mans ou pés e aos poucos van introducindo o uso de xoguetes externos que poden ser sinxelos (caixas, pedras, teas…) ou mais sofisticados (computador,  tableta…) , pero para ser adecuados deben ter unha serie de características:

–              Estar adaptados á idade da persoa que os vai a utilizar. Desta maneira axudará a que o xogo se produza. Se é demasiado sinxelo resultaralle aburrido e se é excesivamente complexo resultaralle imposible, frustrante e terminase abandonándoo.

–              Ofrecer variedade de posibilidades de xogo. Permitir flexibilidade á hora de poder xogar con eles. Aínda que estean pensados para xogarse dunha determinada maneira deben  permitir facer variacións.

–              Axudar a estimular os sentidos sobre todo en educación infantil.

–              Ser de calidade, seguros e de acordo a unha normativa. Sen elementos tóxicos ou que produzan lesións.

–              Fomentar as relacións sociais e a actividade física. Que poidan xogar con outras persoas.

Resumindo, un bo xoguete fainos gozar, permítenos imaxinar, crear, transformar, comunicar e divertirnos. En definitiva, permite que nos desenvolvamos de maneira adecuada a nivel emocional, social e cognitivo.

Moito ánimo nesta tarefa e felices festas!!!

Silvia Barreiro Mariño

Licenciada en Psicopedagoxía

no replies

Leave your comment