vista-frontal-nino-que-usa-abaco-aprender-contar

Existen diversos criterios diagnósticos, pero en xeral podemos falar de discalculia para referirnos a un trastorno da aprendizaxe de orixe neurobiolóxico, que afecta á adquisición do coñecemento dos números e o cálculo en persoas cun nivel intelectual normal e que non é causado por estar privados de ensino nin por utilizar para o mesmo un mal método de aprendizaxe. O diagnóstico é clínico e debemos valorar funcións cognitivas, nivel intelectual e posible comorbilidade con outro trastorno (o máis habitual é TDAH e Dislexia).

Durante os cursos de primaria, sobre todo a partir de 3º, podemos observar condutas que nos fan sospeitar da existencia deste trastorno. Referímonos a contar cos dedos, realizar cálculos con estratexias primitivas, non automatizar as táboas ou as operacións ou ter dificultades para darse conta de que un resultado obtido é posible ou non.

A discalculia é un trastorno con herdanza comprobada e afecta aos diferentes códigos do concepto de número:

–              Verbal: recoñecer e representar a forma verbal asociada a determinado díxito.

–              Visual: recoñecer e representar os díxitos.

–              De magnitude: representar e traballar con cantidades.

Os síntomas ou sinais que nos poden indicar a presenza do trastorno nas diferentes etapas son diferentes, por iso é importante coñecelos e intervir canto antes.

Na etapa de Educación Infantil podemos atopar dificultades para comprender conceptos como “máis grande/máis pequeno que” ou “maior/menor que”. Tamén observamos dificultades no cálculo e nas correspondencias verbal, visual e de magnitude, acompañado de respostas lentas.

Na etapa de Educación Primaria observamos dificultades para comprender conceptos como “maior/menor que” e a tendencia de usar os dedos para calcular. Hai tamén dificultades cos signos e a mecánica das operacións e rixidez para aplicar os procesos ás tarefas matemáticas de maneira automática.

Nesta etapa poden tamén ter dificultades para aprender e recordar feitos numéricos, realizar cálculos aproximados e manexar a hora. Existe unha baixa automatización da liña mental, así como dificultades para adquirir o valor posicional dos números que compoñen unha cifra.

A baixa automatización do procedemento nas operacións complica o feito de extrapolar eses coñecementos ao día a día e percíbese unha sensación de desaprendizaxe.

Na etapa de Educación Secundaria o que podemos observar é un baixo rendemento no cálculo mental, dificultades para comprender e interpretar gráficos, problemas para resolver operacións complexas, rixidez na aplicación de estratexias e dificultades para chequear se a resposta é lóxica. Continúan as dificultades para aplicar con facilidade as matemáticas ao día a día e as de manexo das horas.

Todas estas dificultades xeran sensación de tensión, impotencia, desorganización mental e terror cando teñen que manipular números ou resolver problemas. Estes síntomas chegáronse a denominar “Fobia específica ás matemáticas” e xeran evitación e polo tanto peor rendemento.

A intervención en discalculia débese centrar no síntoma e non noutras habilidades, utilizando material manipulativo. É importante potenciar a comprensión, practicar a través da repetición, ir do concreto ao abstracto, evitar fomentar a velocidade e utilizar estratexias compensatorias. Tamén é importante realizar en caso de ser necesario adaptacións no centro escolar ben sexan metodolóxicas ou curriculares.

Do mesmo xeito que noutros trastornos a detección e intervención temperás van facilitar un mellor prognóstico e evolución, polo que tanto é casa como no centro educativo débese estar atentos a sinais que nos poidan indicar que existe esta dificultade.

Silvia Barreiro Mariño

Psicopedagoga

no replies

Leave your comment