brain-2062048_1920

As funcións executivas abarcan unha serie de operacións cognitivas que inclúen habilidades vinculadas á capacidade de organizar e planificar unha tarefa, seleccionar os obxectivos, iniciar un plan e sostelo na mente mentres se executa, inhibir as distraccións, cambiar de estratexias con flexibilidade e, se é preciso, autorregular e verificar que estamos no bo camiño para lograr a meta proposta.

Para resolver problemas de xeito eficaz e eficiente son requisitos importantes a organización, anticipación, planificación, inhibición, memoria de traballo, flexibilidade, autorregulación e control da conduta.

As alteracións nas funcións executivas están presentes en numerosos cadros neurolóxicos e psicopatolóxicos, por iso a súa avaliación é imprescindible antes de facer unha proposta de intervención.

Faremos un pequeno resumo da publicación onde se revisan as principais técnicas para avaliar as funcións executivas no ámbito pediátrico.

Co fin de simplificar e poder concretar o que queremos avaliar centrámonos en 4 aspectos:

  • Volición: proceso que permite determinar o que unha persoa precisa ou quere. Require a capacidade de formular obxectivos ou intencións. Esta conduta ten dúas condicións, a motivación e a conciencia de sí mesmo. Utilizaremos a observación directa e a información de familiares.
  • Planificación: capacidade para identificar e organizar os pasos e elementos precisos para levar a cabo unha intención ou lograr un obxectivo. Implica partir das circunstancias presentes, analizar alternativas, sopesar e facer eleccións. Implica tamén un bo control dos impulsos, memoria e capacidade para soster a atención. Utilizaremos para avaliar este aspecto tests de diseños de cubos, construcción de oracións de Binet, figura complexa de Rey, Bender, labirintos ou test de torres entre outros.
  • Acción intencional: habilidade para regular a propia conduta cambiando o curso do pensamento ou da acción dacordo a demandas da situación. Pode valorarse co Test de Tinkertoy, test de usos de obxectos e test de usos alternativos entre outros.
  • Execución efectiva: capacidade de regular, automonitorizar, autocorrexir unha acción.Valórase con tests de execución ou manipulativos.

Para avaliar os diferentes aspectos das funcións executivas en nenos e adolescentes contamos con multitude de probas das que detallaremos a continuación as máis utilizadas:

BRIEF: Escala composta por dous cuestionarios, para pais e docentes, na que se exploran a inhibición, o cambio, o control emocional, a iniciativa, a memoria de traballo, a organización e planificación, a orde e o control. Os resultados se agrupan en dous índices que corresponden á regulación da conduta e á metacognición. Aplicable dos 5 ós 18 anos.

D-KEFS: Avalía a flexibilidade de pensamento, a inhibición, a resolución de problemas, a planificación, o control de impulsos, a formación de conceptos, o pensamento abstracto e a creatividade. Aplicable a nenos e adultos.

Test de clasificación de tarxetas de Wisconsin (WCST): Avalía o razoamento abstracto e a habilidade para cambiar as estratexias cognitivas. Aplicable dos 6 anos e 6 meses ós 89 anos.

Test de emparellamento de figuras similares (MFFT): Utilízase para investigar o control da impulsividade en adolescentes.

Test de emparellamento de imaxes (AI): Utilízase para medir a impulsividade de persoas entre 7 anos e 6 meses e 14 anos e 5 meses.

Escalas Magallanes de impulsividade computarizadas (EMIC):  Destinadas a avaliar o estilo cognitivo de “reflexividade-impulsividade” en nenos/as de 6-11 anos e superiores.

Test Stroop de cores e palabras: indaga na capacidade para clasificar información do seu entorno e para reaccionar selectivamente a esa información. Aplicable dos 7 ós 80 anos.

Tarefas de execución-non execución (go-no go): empréganse para medir a inhibición. Entre eles inclúense o Test de tapping de Luria, o Test de golpeteo (forma parte do NEPSY) e as Tarefas “noite-día”). O éxito nestas tarefas se comeza a lograr a partir dos 5/6 annos.

Torre de Londres: utilízase para detectar problemas na área de planificación en idades comprendidas entre os 7 e os 13,11 anos.

Torre de Hanoi e Torre de Toronto: valoran a memoria de traballo.

Torre NEPSY: valora planificación e memoria de traballo. Utilízase de 5-12 anos.

Labirintos de Porteus e labirintos do WISC III: aportan datos referidos á capacidade de planificación, control da impulsividade e adaptación social, ademáis da coordinación visomotora. Pódese utilizar dende os 3 anos ata adultos.

Test de sendeiros: mide a flexibilidade cognitiva. Os suxeitos impulsivos cometen numerosos erros e os inatentos demoran máis tempo na execución da proba. Utilízase en idades comprendidas entre os 6 e os 15 anos.

Test de usos de obxectos e Test de usos alternativos: avalían a inflexibilidade no pensamento e a creatividade.

Tests de fluidez verbal e visual.

A avaliación das funcións executivas non resulta unha tarefa sinxela. Atopámonos con nenos/as incapaces de autorregular a conduta de modo axeitado e segundo as esixencias do entorno e debemos precisar se existe un déficit/falta de atención ou se hai unha dificultade na regulación da atención. Mellorar estas habilidades aumenta a eficiencia en todos os ámbitos da vida e repercute finalmente na felicidade.

Síntese do artigo publicado por Ana Soprano Cabildo na “Revista de Neurología”.

Silvia Barreiro Mariño

Licenciada en Psicopedagoxía

no replies

Leave your comment