Así é, como dicían na película “O padriño”, “A familia é o máis importante”. Cando falamos de intervención dirixida a nenos/as e adolescentes tamén. A nosa intervención debe sempre ter en conta á familia e convertela en protagonista, en eixo central da nosa labor terapéutica.
Coñecer con que familia imos traballar, cales son as súas capacidades, as súas necesidades, o seu perfil sicolóxico, laboral, social e o seu estilo educativo, son entre outros, aspectos imprescindibles. De non ser así todo aquilo no que poñemos empeño pode non servir de nada.
Cando a familia acode a nós, debe ser colocada no centro. É importantísimo escoitar as súas necesidades, cales son as prioridades para eles e coñecer en qué estado se atopan, en xeral e con respecto ao diagnóstico do seu fillo/a ou a problemática pola que están a pasar.
A familia debe estar ben e o ambiente familiar debe ser saudable, para poder facer fronte ás dificultades e traballar de maneira adecuada co propósito de lograr os obxectivos.
Pode darse o caso de que leven xa un tempo sufrindo, facendo fronte cos recursos que teñen a un determinado problema ou atendendo ás necesidades que trae da man o diagnóstico do seu fillo/a.
Se acaban de recibir un diagnóstico é importante ofrecer tempo suficiente para que haxa unha adaptación emocional. É imprescindible que o profesional coñeza as fases de adaptación sicolóxica e permita que flúan con naturalidade as emocións.
Sexa un caso ou outro, unha das funcións do terapeuta será coidar da saúde física e mental dos proxenitores (se un dos proxenitores non está ben, isto inflúe nos demais), achegar información clara, verídica e contrastada que lles capacite para tomar as decisións relativas á intervención do seu fillo/a e ao propio diagnóstico evitando así posibles atribucións causais do mesmo.
Os profesionais poden e deben elaborar un plan de actuación realista e individualizado segundo o perfil da familia e do neno, considerando o fenotipo ampliado (manifestacións do diagnóstico noutros membros da familia), as fortalezas e debilidades, as necesidades, as cognicións e crenzas. É unha labor complexa, pero un plan de traballo que non teña en conta isto estará abocado ao fracaso. Sería como traballar co neno illado de todo o que lle rodea e exerce influencia sobre el, sería pretender unha actuación válida para todos/as que proporcionase a mesma resposta sempre, sería pechar os ollos ante a realidade.
Citando a Cristina García López, sicóloga clínica infanto-xuvenil, “Os diagnósticos inflúen nas familias, pero as familias tamén inflúen nos diagnósticos”.
Fonte: “Familias de nenos con TEA. Programa de psicoeducación emocional e apoio mutuo”. Cristina García López (2020).
Silvia Barreiro Mariño
Psicopedagoga
no replies