arte en terapia 2

Recursos terapéuticos creativos como a plástica, a pintura, a música, o movemento, permítennos, os que traballamos con ela, achegar un valioso material de información persoal, que nos “fala” o mundo interior de nenos, adolescentes e adultos.

O universo das emocións e das vivencias é un lugar privado ao que só “cada ún” ten acceso, ese arquivo de imaxes, sensacións e recordos que nos fai únicos, pode revelarse de infinitas formas. A arte, como mediadora da comunicación, é un punto de partida para esta procura e transformación. Todo parte dun corpo e exprésase a través da súa experiencia.

A arte, sen dúbida, é un recurso que nos permite dar expresión a emocións difíciles, revelando novos significados a vellos conflitos e tamén recoñecer aqueles pensamentos ou vivencias que por algún motivo permaneceron agochados, durmidos, bloqueados, e que, no aquí e agora, permítenos un discurso que posibilite un novo enfoque e perspectiva.

Dentro do proceso de busca creativa, os materiais cumpren un factor moi importante, como facilitadores do achegamento aos desexos, inhibicións, prexuízos, e un permiso implícito para a incerteza, as frustracións e os medos.

Empregamos pinturas, barro, e todo tipo de material reciclado que será útil para espertar a imaxinación.

O acompañamento profesional, neste percorrido, é importante e necesario para dar sentido aos diferentes contidos que van xurdindo. O lugar do/a terapeuta será proponer e acompañar para visibilizar diferentes visións e posibles resolucións de conflitos que poidan aparecer nas obras e pertencer ao mundo interior da persoa.

Saír do cotián, do coñecido, do habitual, do estruturado, provoca ás veces medo, ansiedade, inseguridade, confusión. Explorar ese mundo interior, sentirnos acompañados e seguros e expresalo doutro xeito pode axudarnos a coñecernos mellor a nós mesmos, a espertar os nosos sentidos e a descubrir unha perspectiva máis conciliadora e inclusiva. Sen dúbida, a arte é unha linguaxe que proporciona outros discursos, outras paisaxes, outras formas de mirarse a un mesmo e de percibir o mundo que nos rodea.

A utilización de manifestacións artísticas, plásticas, corporais, musicais e teatrais como modalidade terapéutica favorece non só a expresión individual ou grupal, senón que tamén é un recurso mediador na prevención da saúde mental.

Sandra Verba Szerman

Psicoterapeuta

no replies

Leave your comment