Coa chegada das TICs ao noso día a día vivimos un cambio de paradigma tanto dende un punto de vista formativo e informativo como a nivel social e relacional. Acompañándoo aparece un dos aspectos que máis preocupa na poboación: como a convivencia cos viodeoxogos afecta aos cerebros en desenvolvemento.
Neste sentido temos que saber que os videoxogos, non estando exentos de perigos, axudan a desenvolver destrezas, habilidades, rehabilitar capacidades e favorecer determinadas aprendizaxes. De aí a polémica, ¿merece a pena o risco á adicción?
Profundando un pouco neste tema é interesante coñecer cales son os beneficios xerais que podemos extraer do emprego (responsable) dos videoxogos.
- Poden significar un recurso didáctico moi potente para aumentar a motivación dos nenos e nenas nun entorno escolar que, en xeral, se caracteriza pola “actitude pasiva” do alumnado.
- Favorecen a estimulación sensorial.
- Poden mellorar e promover o razoamento dunha maneira interactiva.
- Axudan a mellorar as capacidades de retención, coordinación visomanual e a memoria.
- Melloran a atención e a curiosidade, así como a creatividade e o pensamento diverxente.
- Poden facilitar a interacción social sendo un centro de interese común en todas as idades.
É importante ter en conta que todas estas vantaxes dependerán do tipo de videoxogos aos que se estea dedicando o tempo de ocio. Non con todos se adquiren beneficios.
Pola contra, tamén debemos reflexionar sobre os prexuízos deste modo de entretemento que, en xeral, sempre terán a súa base nun emprego inadecuado, excesivo ou descontrolado.
A preocupación máis significativa a nivel poboacional con respecto aos videoxogos é a adicción. En xeral, a hiperestimulación (luces, sons, cambio continuo, movemento…), o reforzamento inmediato e a tendencia á evasión dotan aos videoxogos dun gran potencial aditivo.
Outros perigos tamén son: a afectación do sono, o empobrecemento das habilidades relacionais por detrimento da vida social nun contexto externo real (non dixital), a reestruturación cerebral (favorecendo unha atención multitarea que perxudica á atención sostida e á concentración) e o acceso a contidos perigosos.
Sen embargo, debemos recalcar que estes prexuízos son consecuencia dun emprego abusivo, inadecuado ou descontrolado. A maior parte dos perigos podemos solucionalos educando á infancia nunha xestión axeitada do tempo de ocio e da tecnoloxía.
É moi importante, por exemplo, controlar o tempo de exposición a través dun horario regulado, preferiblemente na fin de semana, que non supere as 2 horas diarias.
Ademais non debemos empregar os videoxogos como recompensa ou castigo, xa que favorecemos o potencial aditivo.
Finalmente, é fundamental que as familias estean ao tanto do tipo de xogos aos que os seus fillos e fillas teñen acceso. Existe unha porcentaxe altísima de menores de idade, cun cerebro que aínda non distingue axeitadamente fantasía de realidade, xogando a videoxogos cun alto contido violento e/ou sexual, clasificados para maiores 18 anos. É responsabilidade dos pais/nais ou titores legais supervisar o uso e acceso a este tipo de material.
O noso consello… xogade cos vosos fillos/as, tanto a videoxogos coma a xogos de mesa, a facervos cóxegas, as adiviñanzas, a falar… ao que queirades! Esta é a mellor maneira de coñecelos e protexelos.
no replies