Sinais de alerta ante a violencia
Como xa falamos en entradas anteriores, debido ao preocupante crecemento das estatísticas en materia de violencia nas aulas, gustaríanos darvos algunhas claves que poidan servirvos de base á hora de valorar as situacións de acoso.
Nesta segunda parte abordaremos unha serie de comportamentos, situacións e síntomas que poden ser considerados sinais de “alerta” e que poden axudarnos a detectar o acoso escolar, sobre todo dende o ámbito familiar.
O pacto de silencio
O primeiro que temos que preguntarnos é porqué os e as nenos/as non contan que están sufrindo esta situación, o que claramente dificulta moito poñerlle remedio.
En xeral, e como comentamos en entradas anteriores, sufrir acoso escolar é unha situación moi humillante e vergoñante, polo que resulta moi difícil contar esta vivencia aos adultos. Isto é moito máis complicado no período da adolescencia onde a pertenza ao grupo neste momento evolutivo é o máis importante e contar o acontecido considérase unha “traizón” ao pacto de silencio.
Neste sentido é moi importante non sobresaltarse, evitar mensaxes culpabilizadoras (“¿e porqué non te defendes?”) e mobilizar ás persoas competentes (centro escolar, amizades do neno/a…) con tranquilidade e sen alarmar (provocar alarma social no centro escolar pode agravar a situación).
A que podemos estar atentos/as:
Hai unha serie de indicadores que poden estar avisándonos de que o noso/a fillo/a está vivindo esta situación.
PRECAUCIÓN: Moitos destes comportamentos son normais durante a adolescencia e requiren dun ollo precavido para non converter en patolóxico aquilo esperable neste período. Non se trata de que se cumpra algunha destas situacións, senón que moitas destas condutas estean sucedendo.
- Rexeitamento ou medo a ir ao colexio/instituto: Isto pode ser manifesto, “non quero ir á escola”(máis habitual na infancia), ou sutil, a través de, escusas, queixas por dores de estómago/cabeza, ausencias … (máis habitual na adolescencia)
- Rexeitamento a ir ás excursións ou eventos do colexio/instituto: ¡Ollo!, na infancia é moi habitual o rexeitamento a asistir a aniversarios e/ou a ausencia de invitacións.
- Medo a nomear a determinados compañeiros/as: Isto é máis frecuente na infancia que na adolescencia.
- Queixas de insultos e burlas no colexio: Más habitual en infancia que en adolescencia.
- Baixada acusada do rendemento académico: Pode haber dificultades para concentrarse.
- ¡Ollo ao material escolar!: Pérdense cousas, desaparecen as pertenzas de maneira inexplicable, aparece o material escolar estragado a roupa rota …
- Lesións inexplicables.
- Cambio importante no comportamento: Isto pode ir dende estar habitualmente malhumorado/a ata deixar de falar por completo. A sensación habitual é que o neno/a está moi “raro/a”.
- Cambios na alimentación: Aparece, dende a perda completa do apetito ata a inxesta compulsiva de alimentos, normalmente hipercalóricos. Ambos comportamentos poden darse ao mesmo tempo.
- Problemas durante o sono: Dificultade para irse a durmir acompañada de angustia, medos, espertares nocturnos, insomnio…
- Nervios
- Dores de cabeza e/ou de tripa habituais
- Estado de ánimo baixo ou depresivo: Na infancia a tristeza sole saír en forma de ataques explosivos de ira, irritabilidade e/ou comportamentos destrutivos.
- Especificamente na adolescencia poden darse outros síntomas: Perda de interese en actividades sociais, inseguridade e ansiedade, cambio brusco na vestimenta…
- Outros máis graves polos que é necesario acudir directamente a profesionais da saúde son: autolesións, trastornos do apetito, ataques de ansiedade ou crisis de angustia.
Se, tras ler estas indicacións sospeitades que os voso fillo/a está pasando por esta situación recomendamos acudir ao centro escolar para pedir información e saber que opinión ten o profesorado do que está sucedendo. Ante as dúbidas sempre é mellor preguntar que acusar, evitando crear unha alarma que pode empeorar a situación.
no replies