A normalización da violencia nas aulas
O pasado venres 26 de Outubro tivemos a oportunidade de formar parte das Xornadas contra o Bullying LGTBfóbico que se levaron a cabo en Noia. O colectivo LGTBIQ+ convidounos co obxectivo de cubrir unha necesidade formativa que moitos e moitas docentes da zona estaban a demandar: como detectar e intervir ante os casos de bullying.
Neste sentido tomamos conciencia das dúbidas que persisten aínda entre as familias e o profesorado, demandando unha formación que debe dirixirse tanto cara o persoal docente, coma cara o alumnado.
Impulsados pola satisfacción desta necesidade gustaríanos darvos algunhas claves que poidan servirvos de base á hora de valorar a vosa convivencia con situacións de acoso nas aulas. Nesta primeira parte abordaremos unicamente que é o acoso escolar e quen participa, co obxectivo de proporcionarvos un marco de referencia.
- ¿Como detectar o acoso no contexto escolar?
Todos e todas temos algunha idea do que é o acoso escolar e, desgraciadamente, a maioría de nós tivemos que relacionarnos con este tipo de situacións ao longo do noso período educativo. Estamos tan afeitos a ver e convivir coa violencia que moitas veces xa non sabemos distinguir que se considera bullying e que son comportamentos “normais” entre os nenos/as.
A nivel institucional, o acoso escolar é calquera forma de maltrato sicolóxico, verbal, físico ou social producido entre estudantes de forma reiterada ao longo dun tempo determinado tanto dentro do centro educativo, como a través das redes sociais. Esta acción persecutoria e negativa é intencionada e sitúa á vítima en posicións das que dificilmente pode saír polos seus propios medios.
Neste sentido, as claves para poder identificalo son:
- Que exista intención de facer dano.
- Que o maltrato se exerza de maneira reiterada: repetido e mantido no tempo.
- Que exista unha situación de desigualdade: A persoa que sufre se sinte en inferioridade de condicións para defenderse e resolver esta situación.
- ¿Quen participa no acoso escolar?
Un dos aspectos fundamentais a coñecer é a responsabilidade que temos todas as persoas unha vez que sabemos que esta situación está sucedendo, o chamado “triángulo do Bullying”.
Neste sentido se consideran participantes do mantemento do acoso escolar os seguintes:
- Persoa que sufre: É a persoa considerada “agredida ou vítima pasiva” do acoso. Habitualmente sinte culpa (por non ser quen de saír desta situación polos seus propios medios), vergoña (por ser atacada por aquilo que a fai diferente) e indefensión (xa que se non considero ter recursos para saír do maltrato soamente podo “padecer”).
- Persoa que agrede: Tamén chamada “agresora ou vítima activa”. Habitualmente exerce violencia por control e poder. A grandes trazos, á persoa agresora prodúcelle satisfacción provocar submisión na vítima pasiva e controlar o seu comportamento. Ademais, este sentimento se exalta ao recibir apoio social (silencio e complicidade) por parte dos espectadores.
- Espectadores/as:
- Activos: É aquel alumnado que participa na violencia, aínda que non maltrate explicitamente. O pequeno grupo que acompaña á vítima activa e que pode incitar, insultar, rir ou, simplemente, observar preto o acoso.
- Pasivos: Son todos/as os/as demais, que observan a situación ou a coñecen sen facer nada. Inclúen tanto ao alumnado como ao persoal docente.
O papel do espectador é clave no proceso porque favorece a sensación de poder e popularidade da persoa agresora e aumenta a sensación de indefensión da vítima pasiva, quen remata pensando que o seu sufrimento non é importante para ninguén e que non hai axuda posible.
Debido a isto, as medidas máis potentes e eficaces se dirixen á intervención sobre o/a espectador/a provocando que asuma responsabilidade e “desnormalice” a violencia nas aulas.
Unha vez detectades unha situación de violencia no voso centro podedes tomar unha serie de medidas antes de categorizar e determinar se é ou non acoso escolar. Pode ser eficaz facer un debate co grupo completo sobre o tema, facilitar a expresión de opinións e emocións sobre a violencia verbal e/ou física, a exclusión social…, explicar quen son os espectadores e que papel teñen… Estes pequenos movementos poden darnos moita información e mobilizan os recursos do grupo para poñer solucións ao problema.
En posteriores entradas explicaremos como detectar o acoso escolar dende o entorno familiar.
no replies