O contacto con outros nenos/as, cos profesores e coa familia é imprescindible para o correcto desenvolvemento infatil e xuvenil.
En Marzo a pandemia mundial xerada pola Covid 19 obrigounos a confinarnos nos nosos fogares sen data de caducidade, forzándonos a perder as nosas rutinas, illándonos das nosas familias e amigos e xerando en nenos e adultos medo, ansiedade e incertidume.
Tras varios meses aprendendo a vivir na “nova normalidade” e coa recente volta ás aulas, tras case seis meses na casa, mantéñense sentimentos de indefensión e inseguridade en boa parte da poboación que producen un gran malestar psicolóxico tanto nos máis cativos como nos seus proxenitores.
Os nenos precisan socializarse para desenvolver as súas habilidades cognitivas e socioemocionais. A relación con iguais permite o correcto desenvolvemento das habilidades psicomotoras, da comunicación verbal e da resolución de conflitos. Favorece o autocoñecemento e a autoconfianza, ensina habilidades sociais , empatía e comunicación asertiva, e fomenta a aprendizaxe das normas sociais.
Esta necesidade de socialización fai fundamental ensinar a nenos e adolescentes a convivir coa Covid 19. Deben aprender a xestionar a nova realidade con prudencia e resiliencia, adaptándose á situación sanitaria tan adversa que estamos a vivir.
A clave para aprender a xestionar a ansiedade que nos provoca esta “nova normalidade” está en vivir o presente de forma consciente, centrándose no aquí e no agora, evitando pensamentos sobre un futuro incerto para o que ninguén ten respostas; é dicir, debemos aprender a ser cortoplacistas, planificando a nosa vida día a día.
A continuación vos propoño unha serie de pautas que poden axudarnos a controlar os nosos medos e inseguridades, así como os dos nosos fillos:
- Aceptar a realidade, asumindo que non existe o risco cero de contaxio.
- Vivir o presente evitando pensamentos que xeren preocupacións.
- Desenvolver estratexias que permitan controlar o estrés e a ansiedade.
- Fomentar e ensinar as medidas de prevención (distanciamento físico, emprego de mascarilla e de xel hidroalcohólico).
- Ter información fidedigna sobre a situación actual e transmitir esa información de forma clara e concisa aos nosos fillos/as, adaptándonos á idade do menor.
- Responder ás preguntas e inquietudes sobre a nova realidade.
- Transmitir seguridade e tranquilidade evitando contaxiar a nosa angustia e medo á nosa contorna.
Alba A. De Fariña García
Psicóloga col. G-5013
no replies